Galicia

Convocadas as axudas para a esterilización e colocación de microchips de animais abandonados en Galicia

A Xunta de Galicia convoca este luns as axudas para sufragar accións de protección dos animais de compañía abandonados. O Diario de Galicia publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia.

Así, serán subvencionables a esterilización cirúrxica dos animais que se atopen nos centros de recollida autorizados e/ou formen parten de colonias felinas reguladas, coa dobre finalidade de evitar a súa reprodución incontrolada e a promoción da súa adopción, e a identificación animal mediante a implantación de microchip, correspondente inscrición no Regiac e expedición de pasaporte sanitario, de acordo co recollido no artigo 12 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

O importe total da convocatoria -que sairá publicada este mesmo mes- é de 125.000€, e destinarase un importe de 85.000€ para os gastos derivados da esterilización cirúrxica e 40.000 para os gastos derivados da identificación animal, realizados no período comprendido entre o 1 de setembro de 2018 e o 31 de agosto de 2019.

En canto ás contías máximas das axudas serán:

a)Gastos derivados do acto clínico veterinario da esterilización cirúrxica: ata un máximo de 100 €/animal esterilizado da especie canina e de 85 €/animal esterilizado da especie felina.

b)Gastos derivados do acto clínico veterinario para a identificación animal: ata un máximo de 30 €/animal identificado.

As principais beneficiarias destas subvencións son as corporacións locais que, no seu ámbito territorial presten servizo de recollida e xestión de colonias felinas por si mesmas ou asociadas, en réxime de xestión directa ou indirecta; ou ben que presten o servizo de recollida e xestión de colonias felinas mediante convenio e/ou acordos de colaboración nesta materia con outras administracións públicas e entidades, como as asociacións de protección e defensa dos animais inscritas no Rexistro Galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.

También te puede interesar