O Servizo de Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario e Universitario de Vigo (CHUVI) recibiu a oito profesionais do Hospital CUF Tejo de Lisboa, aos que amosou a técnica do láser de última xeración. A mesma se emprega no Hospital do Meixoeiro para as operacións de cataratas moi complexas.
Catro facultativos e outras catro enfermeiras especialistas do hospital lisboeta asistiron a 7 intervencións de cataratas. As mesmas foron realizadas mediante a técnica do láser “Femtosegundo”.polo equipo que dirixe o xefe de servizo de Oftalmoloxía do CHUVI, o doutor Luís Cadarso.
Láser de última xeración
O láser de última xeración “Victus” instalouse no Meixoeiro hai pouco máis dun ano. “Neste período obtivéronse uns resultados excelentes”, sinala o doutor Cadarso. A tecnoloxía do láser “Femtosegundo” é pioneira en Galicia e proporciona unha enorme seguridade grazas a precisión con que o láser realiza os cortes no tecido ocular. O que reduce o índice de complicacións mentres dura a intervención.
Un avance moi importante
“Supón un avance moi importante tanto para os cirurxiáns como para os pacientes. É un procedemento indoloro e que se realiza cunha gran axilidade pola precisión que achega”.
“Os resultados nos pacientes son excelentes”, explica o xefe de servizo de Oftalmoloxía. O paciente só experimenta, mentres actúa o láser no interior do ollo, unha sensación de leve presión. “É totalmente indoloro”, di o doutor Cadarso.
No Hospital do Meixoeiro realízanse ao ano preto dun milleiro de operacións de Oftalmoloxía. A metade delas son intervención de cataratas de distinto grao de complexidade.
Este sistema láser permite abranguer outras moitas intervencións que se fan en oftalmoloxía. De feito, tamén está orientado á realización de transplantes de córnea e implantes de aneis cornais no ollo.