O deputado provincial, Carlos López Font, e a deputada Digna Rivas visitaron esta mañá en Redondela as obras de reposición de servizos na contorna da Rúa Cubillón, en Chapela, actuacións que se executaron coas achegas do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.
Na visita participou tamén o alcalde de Redondela, Javier Bas, así como varias concelleiras e concelleiros municipais. As actuacións contaron cun investimento do 248.202,75 euros e consistiron na renovación das redes de servizos, abastecemento, saneamento e pluviais, así como a canalización de alumeados. As rúas afectadas foron Camiño Real de Angorén, Cubillón, José Fernández López, Manuel Rodríguez Casal, Laredo e González Morant.
Carlos Font, explicou que estas obras poñen de manifesto que “a coordinación entre administracións, neste caso concello e Deputación, o que fai é mellorar a calidade de vida de veciñas e veciños”. Resaltou a importancia que este goberno provincial lle dá á autonomía municipal, deixando que sexan os municipios os que decidan en que invisten as achegas dispoñibles, “neste caso de Chapela apostando polo saneamento e o abastecemento, uns servizos tan básicos e esenciais para a veciñanza”.
As actuacións hoxe visitadas consistiron na mellora e renovación das redes de servizos, abastecemento e saneamento no Cubillón e rúas adxacentes. Máis polo miúdo, en Camiño Real de Angorén, renovouse a rede de pluviais, saneamento e abastecemento, substituíndo a rede existente e canalizando o soporte para a rede de alumeado. Nas rúas Cubillón, José Fernández López e Manuel Rodríguez Casal, tamén se renovaron as redes de pluviais, saneamento e abastecemento con nova tubaxe, ao tempo que se substituíron as existentes de fibrocemento.
Nas rúas Laredo e González Morant, renovouse a rede de pluviais, saneamento e abastecemento, cambiando tamén a actual de fibrocemento. Dispuxéronse ademais chaves de corte e demais elementos de válvulas, renovando os existentes, e repoñendo as acometidas. Todos os traballos incluíron a reposición de firmes sobre os que se actuou.
A través do vixente Plan Concellos 2019, o goberno de Carmela Silva pon a disposición de Redondela un total de 1.214.956,77 euros, o que supón un 3,62% máis que en 2018. Neste mandato o goberno de Carmela Silva ten investido no concello de Redondela preto de 6,2 millóns de euros, “o maior investimento feito nunca neste municipio na historia da Deputación”.