O presidente do Goberno de Galicia subliñou este martes en Vigo que a Xunta deu todo o seu apoio ao astaleiro Vulcano, ata en dúas ocasións, e adiantou que xa non pode asumir o compromiso de “entregas en prazo”, en referencia ao buque que está sen rematar.
Alberto Núñez Feijóo, que estivo na cidade para participar no comité de Navalia contrapuxo o gravísimo estado de Vulcano co aumento dos pedidos do resto dos astaleiros da Ría, que “crean emprego, gañan cartos e cumpren cos seus compromisos en prazo”.
O presidente asegurou que o sector naval de Galicia está na súa mellor época dos últimos dez anos e que conta con 27 contratos en vigor e 15 novos pedidos o cal supón a metade de toda a construción naval do Estado.