A Comisión de Seguridade Vial aprobou este mércores, coa abstención do PSOE e do PP, a proposición non de lei de En Marea que pide ao Goberno a axilización dos trámites para a cesión da vía ferroviaria entre Pontevedra, Arcade, Redondela e Vigo.
Nun segundo punto da proposición, En Marea demanda que se facilite a posta a disposición da infraestrutura precisa para estender as rutas ciclistas pola costa galega, desde Tui até Ribadeo, no marco do impulso da Rede Europea EuroVelo.
Na defensa da súa iniciativa, a deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, salientou as avantaxes de ampliar espazos adicados ao ciclismo como poñen de manifesto numerosos estudos. “A bicicleta como un medio de transporte alternativo que aporta beneficios tanto na redución da contaminación, como na aposta polo medio ecolóxico, como no ámbito da saúde, a diminución do ruido e da contaminación acústica, o aforro económico e enerxético que supón”.
Fernández puxo de manifesto que téñense cuantificado económicamente os beneficios como o aforro nos custes de uso e mantemento de vehículos, o correspondente ao aforro de tempo nos desparazamentos, a realización de exercicio físico e a redución de emisións.