O voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, lembra que “dende o mesmo remate das obras e a concesión da estación depuradora a Aqualia, a veciñanza viu alertando dunha serie de feitos moi graves relativos, por exemplo, ao funcionamento de transformadores eléctricos, incendios nas instalación, fortes cheiros de novo a través dos sumidoiros que conectan coas vivendas, verquidos na contorna da Xunqueira do Lagares e mesmo na praia e costa de Toralla”.
Esta EDAR, cualificada polo alcalde de Vigo na inauguración feita o ano pasado, como “a mellor do país” esixe un mantemento continuo e integral “que temos dúbidas que se estea realizándose” – matiza Rubén Pérez. “Mesmo estes días, o cheiro de gases, e especialmente a posibilidade de que o sulfhídrico entre nas casas polos sumidoiros, está volvendo alarmar ás persoas que viven próximas á EDAR”.
Marea de Vigo xa trasladara no ano 2017 unha serie de preguntas ao Ministerio de Medioambiente para que se aclarara se se estaba a dar cumprimento dos protocolos de seguridade no emprazamento, non recibindo ninguna resposta que aclarase a situación.
Do mesmo xeito, Rubén Pérez afirma que “a responsabilidade destas deficiencias de funcionamento é municipal, e que o feito de que o Concello decidise concesionar a Aqualia a xestión da EDAR non exime ao Concello o velar pola seguridade da veciñanza que lamentablemente quedou pegada á estación tras a nova obra”.