A Deputación de Pontevedra ten en marcha, como actividade programada e de interese xeral, a II Xornada TurisTIC “O Turismo Intelixente”. Será o vindeiro 10 de abril no Verbum.
Tras o primeiro foro TurisTIC, celebrado o ano pasado no Castelo de Soutomaior, agora vaise desenvolver esta nova xornada centrada no turismo intelixente. “Seguimos avanzando así con paso firme para converter a provincia de Pontevedra nun destino turístico intelixente”, explicou a presidenta da Deputación.
A II Xornada Turistic será “un gran evento no que o obxectivo será promover a colaboración e o intercambio de boas prácticas entre empresas do sector turístico, empresas tecnolóxicas e institucións públicas do noroeste peninsular -Galicia, Asturias, Castela e León, Cantabria e o País Vasco”-sinalou Carmela Silva. Para participar neste foro o prazo xa está aberto -ata completar aforo- é só é necesario cubrir o formulario dispoñible na páxina web de SmartPeme.
A través de relatorios e mesas redondas, na II Xornada Turistic as persoas asistentes analizarán as oportunidades e os desafíos para o sector turístico e a xestión de destinos intelixentes. Vanse desenvolver tres mesas redondas: “A gobernanza nos destinos turísticos intelixentes”, “A innovación aplicada á comercialización turística” e “A tecnoloxía. Presente e futuro do sector”.
Nos relatorios abordarase a colaboración público-privado nos destinos turísticos intelixentes e a importancia dos datos para a xestión do destino, haberá un espazo para a exposición de exemplos de turismo intelixente na provincia de Pontevedra e haberá unha presentación de solucións innovadoras.