Os sindicatos denuncian que a patronal das ambulancias “decidiu romper onte as negociacións do convenio colectivo”. As discrepancias existentes refírense, segundo as centrais, á suba salarial que compense os atrasos salariais tras case catro anos sen convenio.
Ao mesmo tempo, dende as centrais CIG, CCOO e UGT denuncian que na Coruña estanse a trasladar pacientes críticos sen persoal de acompañamento.
Ainda que todo apuntaba a que na última xuntanza as partes ían achegar posturas, “a sorpresa chegou cando o empresariado decidiu levantarse da mesa”. A patronal non quixo facer ningunha contraoferta á proposta dos sindicatos de incrementar máis os salarios nos dous últimos anos de vixencia do convenio (2021 e 2022) para compensar a non actualización dos salarios durante case catro anos.
“As empresas pretendían aplicar a primeira subida de soldos, dun 4%, en novembro de 2019, mentres que para 2020 este incremento sería dun 3%”. Nos dous últimos anos de vixencia do convenio que se está a negociar a suba sería do 1%. “Deste xeito, os traballadores do sector permanecerían cos soldos sen actualizar durante practicamente catro anos -2016, 2017, 2018 e case todo 2019-“.
Nun primeiro momento a parte empresarial dixo que ía estudar a posibilidade de atender esta demanda, “pero a continuación dixeron que non aceptaban, que non presentarían contraoferta e que abandonaban as negociacións”, explica o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza.
Folga indefinida
Polo tanto, a folga convocada no sector pola CIG, CCOO e UGT continuará até este domingo, pasando a ser indefinida a partir do vindeiro día 20 no caso de que antes non se chegue a un acordo que permita desbloquear o conflito.