Galicia Vigo al minuto

Dende este mércores, médicos de Atención Primaria de Vigo poderán pedir directamente a realización de probas diagnósticas

Non será necesario derivar aos pacientes ao especialista do hospital para que sexa este quen indique a devandita proba

A partir deste mércores, día 13 de marzo, os médicos de atención primaria da Área Sanitaria de Vigo poderán comezar a solicitar directamente aos servizos hospitalarios a realización de máis probas diagnósticas para os seus pacientes. Segundo o Servizo Galego de Saúde (Sergas), non será necesario derivalos ao especialista do hospital para que sexa este quen indique a devandita proba.

Así, xa dende mañá, os facultativos dalgúns centros de saúde poderán solicitar endoscopias dixestivas (gastroscopias e colonoscopias) de xeito que o 29 de abril este proxecto xa estea estendido a todos os centros da área.  Ademais, a  partires do 1 de abril,  tamén terán acceso directo a petición de TCs intracranial.

Beneficios para os pacientes

Dende o Servizo Galego de Saúde sublíñase que “trátase de accións orientadas a mellorar a accesibilidade ao sistema sanitario e, en consecuencia, a xerar maiores beneficios para os pacientes.  Neste senso, ademais de incrementar o acceso dos médicos de primaria ás probas diagnosticas, tamén se acometerán cambios na accesibilidade ás consultas externas hospitalarias e se reorganizará a atención urxente domiciliaria”.

Te podría interesar