Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

O ano pasado realizáronse na Área Sanitaria de Vigo máis de 54.400 biópsias

A Área sanitaria de Vigo aspira a liderar a dixitalización en Anatomía Patolóxica, un procedemento que xa é considerado como o futuro no manexo de mostras tanto para diagnósticos clínicos como para investigación, e mesmo para as actividades docentes de profesionais sanitarios.

A denominada “telepatoloxía” consiste, en síntese, no tratamento dixitalizado das mostras que se preparan e analizan e a súa posterior almacenaxe en bases de datos que se situarían nunha “nube informática”. Un proceso no que o Servizo de Anatomía Patolóxica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), que dirixe o doutor Joaquín González-Carreró Fojón, mostrou moito interese desde hai tempo.

Mediante ese proceso conséguese que os facultativos poidan acceder ás imaxes das mostras desde calquera terminal informática e desde calquera parte do mundo, coa vantaxe que iso supón.

Da mesma forma, será moito máis sinxelo o uso das imaxes dixitalizadas e a información asociada no ámbito da investigación, ao tempo que profesionais do Servizo poderán realizar consultas con expertos sempre que o precisen. Tamén poderán usarse as ferramentas de axuda ao diagnóstico baseadas na “intelixencia artificial” que están en fase incipiente de desenvolvemento.

“Conséguese unha imaxe de maior calidade, con maior seguridade e con acceso moito mellor e máis rápido tanto para o propio servizo como para o diagnóstico clínico ou o traballo de investigación e docencia”, explica a coordinadora do Servizo de Anatomía Patolóxica do  CHUVI, Sonia Mosteiro.

Xornada científica

O interese mostrado por Vigo no avance na dixitalización moveu aos servizos de Anatomía Patolóxica do  CHUVI  a organizar a Primeira Xornada de Dixitalización en Anatomía Patolóxica, que se celebrou no Hospital Álvaro Cunqueiro. Baixo o lema “Outra forma de observar”, asistiron ás sesións 250 profesionais (facultativos especialistas, técnicos, biólogos e expertos en imaxe) de Galicia, doutros lugares de España e de Portugal.

Temas como a dixitalización na área de Anatomía Patolóxica, o proceso de imaxes  macroscópicas e  microscópicas, as técnicas  diagnósticas complementarias e a imaxe, a patoloxía molecular e a imaxe, ou a aplicación do procedemento á docencia e a investigación, abordáronse nos distintos paneis e coloquios ao longo do día.

Máis de 54.000  biopsias

A actividade do servizo de Anatomía Patolóxica do CHUVI é moi importante, tanto pola cantidade de mostras analizadas como polo traballo que, coas mesmas, realízase nos laboratorios do propio servizo. As cifras do último balance anual así o reflicten.

O pasado ano realizáronse nas dependencias do Álvaro Cunqueiro 54.401 biopsias e 31.729 citoloxías; 200  biopsias de sistema nervioso; e 246  biopsias para  microscopía electrónica.

Ademais, practicáronse 88 autopsias no hospital solicitadas polos facultativos ou polos familiares da persoa falecida (as realizadas por orde xudicial non se inclúen nesta cifra porque as realiza o  Imelga).

You may also like