As consultas telefónica aoo médico de familia achéganse ao medio millón en Vigo
As consultas telefónicas dos pacientes co seu médico de familia seguen a medrar e supoñen xa un 16,20% do total de consultas rexistradas nos centros de saúde da Área Sanitaria de Vigo o pasado ano.
Segundo os datos difundidos polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS), dos 2.977.983 de consultas realizadas, atenderon telefonicamente 482.525.
O aumento global foi de 40.266 consultas médicas nos centros de saúde con respecto a 2017 e o incremento de citas por teléfono acadou as 33.606. Comparando estes datos dedúcese que o 83,5% dese crecemento de actividade correspondeu á vía telefónica.
Esta alternativa, que evita ao paciente acudir ao centro de Atención Primaria en persoa, convértese, conforme pasa o tempo, nunha das fórmulas preferidas pola cidadanía, tal e como se constata no estudo da actividade do último ano.
Unha de cada dez
En total, nos centros de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo rexistráronse o pasado ano 605.551 actos por vía telefónica de todas as categorías profesionais (pediatría, enfermaría, matronas, farmacia, odontoloxía, hixienistas e traballo social), o que representa o 10,61% do total; é dicir, unha de cada 10 atencións fixéronse xa por teléfono.
En canto a porcentaxe de citas telefónicas atendidas polos pediatras, situouse nun 9,83% (43.451) das 441.913 consultas. A enfermaría realizou 70.203, un 3,62% do total de atencións (1.939.334).