Comarcas

@depo_es cualifica de “case insuperábeis” os datos turísticos de Semana Santa na provincia

Dacordo cos mesmos, a ocupación hoteleira media da provincia foi do 80%, 12 puntos máis que o acadado durante o mesmo período do ano pasado e 16 máis que o estimado. 

“Foi a mellor Semana Santa dos últimos anos, e os resultados sitúanos no número un de Galicia e a nivel estatal entre os grandes destinos turísticos”, asegurou a presidenta da Deputación.

Vigo ao 87%

A comarca de Vigo acadou unha ocupación hoteleira media do 87%, moi superior á do ano pasado, segundo informou a presidenta provincial.

Neste eido, Silva destacou que a cidade de Vigo mantivo un 87% de xoves a domingo chegando ao 95% durante os días de maior afluencia, de xoves a sábado. 

Tal e coma sinalou a presidenta, as contratacións medraron un 13% en Vigo mentres que en Galicia, que rexistrou unha caída catro veces maior que a da media estatal, caeron un 7,2%.

Nos tres primeiros meses do ano Vigo rexistrou, segundo os datos recompilados polo INE, os mellores resultados dende que hai rexistros (ano 2005). Deste xeito, de xaneiro a marzo a cidade acadou 166.658 pernoctacións que supoñen 21.000 máis que as sumadas no mesmo período do ano 2018.

Amais, neste primeiro trimestre de ano chegaron a Vigo 73.343 persoas das cales 56.317 eran españolas e 17.026 procedentes do estranxeiro.

Bo resultado nas outras comarcas

En canto ás outras comarcas, O Salnés, tal e como explicou Carmela Silva, acadou unha ocupación hoteleira superior ao 85%, cunha porcentaxe do 90% en localidades como O Grove e Sanxenxo.

A comarca de Pontevedra acadou un 78% de ocupación hoteleira, trece puntos máis do agardado antes da Semana Santa. Neste eido, Silva detallou que a cidade de Pontevedra superou a media comarcal ata chegar ao 85% e Poio tamén, co 83%.

O Morrazo superou o 78% de ocupación hoteleira, 24 puntos por riba do esperado e ata 19 puntos máis que o alcanzado no 2018, e a comarca de Caldas chegou ao 60%, 15 puntos máis do agardado, superando o 72% na vila de Caldas.

O Baixo Miño tivo unha ocupación hoteleira do 77% e nas comarcas do Condado e A Paradanta establecementos como o Balneario de Mondariz  chegaron ao 93%.  No caso das comarcas do Deza e Terra de Montes a ocupación hoteleira superou o 70%.

70% no turismo rural

En canto ao turismo rural, Carmela Silva explicou que o estudo realizado por Turismo Rías Baixas sitúa á ocupación hoteleira media provincial acadada na Semana Santa no 70%. “Falamos de case 23 puntos máis que a porcentaxe obtida durante o mesmo período do ano pasado e dez puntos máis do previsto”, informou a presidenta.

Tamén destacou Silva os bos resultados das vivendas turísticas, que rozaron o “cheo total”. Neste eido, asegurou que Sanxenxo e Poio superaron o 88%, Pontevedra o 100%, Cambados o 90%, Vigo o 85% , a comarca do Morrazo o 85% e as de Deza e Terra de Montes o 80%.

You may also like