O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, fixo este luns un chamamento a participar na manifestación que se celebrará este mércores na cidade con motivo do 1º de Maio, ‘Día Internacional da Clase Traballadora’.
A marcha, que será a central de cantas convoca o sindicato ao longo do país, sairá da Dobrada ás 12:00 horas e contará coa presenza do secretario xeral, Paulo Carril.
O responsábel da CIG-Vigo compareceu esta mañá en rolda de prensa para presentar unha mobilización que se celebra baixo o lema “Recuperar dereitos para avanzar. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas”, consigna que segundo explicou “recolle o sentido dunha protesta que pretende ser o punto de partida para recuperar os dereitos que nos foron arrebatados coa escusa da crise e avanzar na conquista de mellores condicións de vida para o conxunto da clase traballadora”.
Gonçalves sinalou que este 1º de Maio celébrase nun contexto de maior precariedade, empobrecemento e recorte de dereitos laborais e sociais, ao tempo que incidiu na importancia da loita obreira “sobre todo tras o resultado electoral, xa que agora faise máis necesaria a protesta para forzar ao novo goberno a aplicar un cambio radical nas políticas económicas, laborais e sociais”.
Neste senso, advertiu que na comarca viguesa o desemprego e a desertización produtiva van camiño de cronificarse, ademais de aumentar a pobreza e o risco de exclusión social, “xa que nestes momentos máis de 61.000 persoas da nosa cidade atópanse nesta situación”. Este e outros datos figuran no informe que o responsábel sindical presentou diante dos medios de comunicación, no que evidencia a destrución de emprego a precarización exprimentada no conxunto da bisbarra na última década.
Diante disto, fixo fincapé na importancia da mobilización da clase obreira na rúa e nos centros de traballo “para xuntos trazarmos unha folla de ruta que pasa por esixir a retirada das sucesivas reformas laborais e das pensións que son extremadamente lesivas para a maioría social”.