Ante a recente apertura dunha casa de apostas en Navia, Marea de Vigo reitera a “necesidade e a urxencia” do cumprimento dos acordos do Pleno de febreiro.
Nos mesmos, a Corporación aprobaba por unanimidade unha serie de actuacións que levaban como obxectivo poñerlle freo á proliferación das casas de apostas.
Dentro destes acordos, por unha banda instábase tanto ao Goberno do Estado coma ao autonómico a iniciar unha serie de reformas legais encamiñadas ao control desta actividade, e pola outra, ao propio Goberno local, ao que ían dirixidos cinco dos acordos, “sobre os cales o propio Goberno de Abel Caballero non ten iniciada ningún tipo de actuación ata o día de hoxe”.
Segundo o voceiro de Marea de Vigo “a administración local tamén ten responsabilidade sobre o control das casas de apostas, e é nesta administración na que se deben facer, entre outras accións, as modificacións das ordenanzas que sexan necesarias para poder frear dalgún xeito esta praga”.
No caso do barrio de Navia, é a veciñanza quen se está movendo de xeito moi activo, e a que ten convocado, xunto a diferentes movementos sociais e sindicais, mobilizacións para amosar o seu rexeitamento á apertura dunha casa de apostas no seu barrio, un dos barrios con poboación máis nova do conxunto do Estado.