É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másO Correlingua volve a percorrer o país co ‘galego como fórmula’
Este é o lema da XVIII edición dunha actividade organizada conxuntamente pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino que naceu co obxectivo de reclamar que as crianzas e a mocidade galegas poidan estudar, xogar e vivir con normalidade na nosa lingua.
Tal e como lembraba o secretario xeral da CIG-Ensino na presentación desta edición o pasado 5 de abril “as actividades de fomento e promoción do galego son máis necesarias ca nunca despois do retroceso no número de falantes, nomeadamente entre as xeracións máis novas, e dos ataques que desde a Xunta se realizan á nosa lingua, minguándoa en dereitos, como co Decreto do Plurilingüismo do que se cumpre o décimo aniversario e que prohibe impartir en galego as materias científicas”.
Precisamente este Correlingua xira arredor da ciencia e fai referencia á táboa periódica dos elementos químicos que cumpre tamén 150 anos. “Non queremos que o galego sexa unha fórmula segreda, senón que sexa a fórmula maxistral do noso pobo, elaborada por todos e cada un dos galegos e galegas que nola transmitiron en herdanza e que queremos depositarlla á mocidade que representa o seu futuro”, explicaba Suso Bermello no acto de presentación en Lugo.
Carreiras pola lingua
A primeira localidade na que se está a celebrar o Correlingua hoxe é Cangas. Con saída na Praza de Oxea, a carreira contou coa participación de 2.200 rapaces e rapazas procedentes de 20 centros diferentes dos concellos de Bueu, Cangas, Marín, Moaña e O Grove.
No acto final actuaron Cé Orquestra Pantasma e Uxía Lambona e a Banda Molona e leuse o Manifesto que gañou este ano o concurso nesta categoría, obra de alumnado do IES de Carral.
Mañá a festa pola lingua chega á Coruña. Con saída ás 11 h. no pavillón de Riazor, a carreira continuará polo paseo marítimo, a Av. de Bos Aires, Av. de Barrié da Maza, a Praza María Auxiliadora, a Rúa Hospital, o Campo da Leña, a Rúa San Xoán, a Rúa Beiramar, a Av. de Navarra e remata ao pé da Torre de Hércules. A maiores das mesmas actuacións que hoxe en Cangas, haberá un Concurso de Animación e a actuación de Pauliña, gañadora este ano do Concurso do Cantalingua.