Un dos eixos programáticos máis importante para o BNG é o que ten a ver coa mocidade, “desde emprego ata promoción de igualdade, pasando por servizos básicos como o transporte urbano ou a saúde ata a promoción da cultura urbana ou o acceso á vivenda”.
Así o transmitiu o candidato do Bloque á Alcaldía nun Encontro con Mocidade onde presentou as principais liñas programáticas en materia de políticas xuvenís.
Xabier P.Igrexas sinalou a importancia de crear unha verdadeira alternativa de lecer para a mocidade, despois de presenciar durante os últimos catro anos a desaparición de programas xuvenís e servizos como o Súbete ao Castro, o Punto Xove ou o desmantelamento da Casa da Xuventude.
“O Concello de Vigo ten que ofrecer moito máis á mocidade que a posibilidade de facerse selfies co alcalde de turno”, denunciou o candidato do Bloque.
Igrexas engadiu que non houbo ningún esforzo estes últimos anos por parte do goberno municipal en manter a oferta nin de aumentar os servizos senón que o que se fixo todo o contrario “desmantelar, botar o peche e desertizar a cidade en materia de política xuvenil”. Pero hai máis exemplos como a Casa da Xuventude, “que non ofrece ningún programa para as mozas e os mozos. Toda a política xuvenil do Concello de Vigo está reducida aos campamentos de verán”, resumiu.
Nese sentido, o candidato do BNG subliñou que é necesario volver reactivar eses programas pero tamén insistir no esforzo poñendo en funcionamento unha rede de espazos xuvenís en toda a cidade que fagan partícipes tamén a mozas e mozos que poidan decidir que facer ou que servizos se poden prestar: “As mozas e os mozos teñen que ter alternativas reais de lecer que non sexa o consumo privado ou o botellón”.