Cultura Vigo al minuto

Abre a exposición permanente “A nova Colección Colmeiro” na Pinacoteca Francisco Fernández del Riego

Dende este martes, 21 de maio abrirase ao público, de forma permanente e na planta terceira da Pinacoteca Francisco Fernández del Riego, a exposición “A nova Colección Colmeiro”, composta polos vinteún óleos do artista que se incorporaron no ano 2017 aos fondos artísticos municipais, xunto a 145 obras sobre papel.

Están presentes nel practicamente todas as etapas do autor: o seu retorno a Galicia nos anos 20 do pasado século, con vistas singulares do porto vigués; a súa interpretación crítica da realidade galega nos anos 30, en paralelo á definición do seu renovador estilo pictórico; o impacto da Guerra Civil española que o une en dramatismo a predecesores como Goya ou a contemporáneos como Picasso; o seu posterior exilio parisiense; o seu regreso e presentación en España nos anos 50, 60, 70 etc.

Na colección tamén están todas as temáticas que lle son propias: principalmente o seu país galego, que capta a través da súa xente en romarías e traballos, das súas paisaxes; os traballos de estudio; as súas incursións na mitoloxía; os retratos... traballos todos eles nos que a muller brilla como gran protagonista. E todas estas temáticas desde a gran  variedade de técnicas coas que as abordou: óleo, tinta ou lapis entre elas.

You may also like