Este xoves, lanzouse publicamente a iniciativa “Somos cultura, temos lingua. Manifesto contra a desertización cultural de Vigo” que subscriben 45 referentes culturais da cidade, entre os que se atopan artistas, artesás, escritoras, músicos e outros axentes do tecido cultural quixeron demandar xunto ao Bloque unha verdadeira política cultural para a cidade.
Nas sinaturas salientan nomes como o do crítico literario Ramón Nicolás, o debuxante Pepe Carreiro, a poeta Marta Dacosta, o xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramático Roberto Pascual, o escritor e fotógrafo Vitor Vaqueiro, o actor e director teatral Xoán Abreu, o músico e regueifeiro Luís ‘O Caruncho’, a primeira bailarina do Ballet de San Francisco Dores André Rodríguez, o xornalista Afonso Eiré ou a filósofa e escritora Carme Adán.
O manifesto foi presentado polo candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, acompañado pola portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, e outras integrantes da candidatura municipal durante un percorrido pola Porta do Sol e a rúa do Príncipe.
No texto saliéntase que “se en Vigo houbo política cultural no pasado, foi grazas ao esforzo compartido dos diversos axentes culturais e ao traballo e compromiso do BNG, como ficou demostrado nos períodos en que asumiu a dirección da política cultural da cidade”.
Nesa perspectiva, as persoas asinantes declaran que “apostamos en que o nacionalismo galego volva ser unha forza decisiva e determinante na cidade para revitalizar a actividade cultural”. “Por iso facemos un chamamento aos moitos millares de persoas que non entenden nin se resignan a aceptar unha política cultural tan pobre e desértica na principal cidade de Galiza, a utilizaren o seu voto o próximo 26 de maio para promover unha mudanza” conclúe o texto animando a apoiar a candidatura do BNG.
Xabier P. Igrexas, pola súa parte, denunciou que “se hai un ámbito onde se nota o efecto letal da maioría absoluta do PSOE foi no desmantelamento de moitos programas culturais que estaban funcionando na cidade”.
En lugar de facer que o Concello actúe como un dinamizador cultural, o actual goberno converteuse nun fumigador anticultural”. O candidato agradeceu “o compromiso e a valentía das 45 persoas dando un paso adiante e reclamando en voz alta que Vigo merece outra política cultural”.
Xiro de 180º
A proposta do Bloque defende a necesidade dun “xiro de 180º” na política cultural coa intención de “democratizar o acceso social á cultura, facendo chegar a cultura nas súas diversas manifestacións ás clases populares e traballadoras, os barrios e as parroquias, como mellor xeito humanizar de verdade a cidade”, explicou Igrexas. .
Poñendo como exemplos o MARCO ou o Centro de Arte Fotográfico, hoxe pechado, baleiro e sen actividade, o candidato nacionalista chamou a dinamizar a rede museística hoxe “reducida a unha rede de contedores baleiros, sen contido nin programación que seguen a perder visitantes”.
Igrexas puxo o foco no impacto especialmente negativo da actual política cultural para os novos e as novas creadoras da cidade. “Nós estamos a carón desa mocidade creadora que padece que o goberno de Abel Caballero desmantelase os Castroconcertos, que era un programa pioneiro que permitía despregar todo o talento e a forza creativa da mocidade de Vigo.
“Ou que ve como na programación das festas, para alén de sistematicamente excluír a música galega e en galego, non hai espazo tampouco para os grupos e as bandas desta cidade que é tamén punteira na creación musical”.
O Bloque ve urxente dar unha viraxe de 180 graos que volva facer de Vigo unha cidade pioneira en materia cultural. “O noso compromiso é facer unha emenda á totalidade, un revulsivo que volva colocar a Vigo á cabeza en políticas culturais e na vangarda, que é onde debe estar”.
Para iso, o BNG propón crear un Consello Municipal da Cultura que sexa o encargado de elaborar un Plan Estratéxico Local de Políticas Culturais, como folla de ruta para impulsar a cultura en Vigo.