A Deputación de Pontevedra ven de anunciar a licitación do proxecto para a mellora dos accesos á Praia do Muíño depois da sinatura dun convenio, no pasado mes de febreiro, entre o ente provincial e o Concello de A Guarda con un orzamento total de 192.190,64 €.
O prazo para a presentación de ofertas remata o vindeiro 2 de xullo, ás 10:00 horas.
O acondicionamento dos accesos á praia do Muíño forma parte do proxecto de cooperación europea «Visit Río Miño», de Preservación e valorización do Río Miño Transfronteirizo, en concreto dentro das actuacións comprendidas para a creación do «Anel Verde do Miño’», que consiste nunha “rede de sendeiros que comprende máis de cen quilómetros de ciclovías e camiños pedestres entre Galicia e Portugal e é, sen dúbida, un dos maiores atractivos deste territorio e de todo o sur da provincia”.
As actuacións previstas teñen unha dobre finalidade: por unha banda a recuperación da contorna, preservando e protexendo un espazo de alto valor ecolóxico, e doutra, a mellora da accesibilidade e os servizos da praia para a cidadanía.
Na actualidade os accesos á praia do Muíño consiste nunha plataforma de recheo e un muro, así como un aparcamento a pé de praia. O proxecto inclúe a construción dunha rotonda para a regulación do tráfico, a ampliación das entradas ao areal e a creación dunha plataforma peonil de acceso a praia.