O Goberno de Galicia vén de licitar os traballos para a construción do primeiro albergue público da cidade de Vigo por 1,2 millóns de euros, segundo informou este martes na cidade o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.
Para facer realidade o mesmo vaise acometer a rehabilitación dun edificio en ruínas situado no número 5 da Ribeira do Berbés e o doutro inmoble que ocupa os números 7 e 9 da Praza Peñasco, que conformarán un mesmo establecemento.
O conselliro subliñou que a restauración preservará os materiais tradicionais empregados no edificio como as carpinterías de madeira ou a pedra natural. Tamén se conservará o soportal e a fachada de pedra existentes nas plantas baixa e primeira.
O prazo de execución desta obra será dun ano a contar desde a sinatura do contrato, polo que Rodríguez concretou que o obxectivo da Xunta é que este proxecto estea listo para o próximo Xacobeo 21
Aspectos técnicos
O albergue contará cun total de seis andares e terá un aforo máximo de 93 persoas, distribuídas en sete habitacións. Haberá unha habitación e catro servizos hixiénicos adaptados e todas as habitacións estarán deseñadas para ser utilizadas por persoas con mobilidade reducida, converténdose así nunha instalación 100% accesible.
A superficie da parcela na que se actuará será de preto de 270 m², se ben a superficie na que se acometerá a reforma, sumadas as seis plantas, será de preto de 970 m².
No andar baixo, con acceso desde Ribeira do Berbés, situarase o vestíbulo de acceso, co mostrador de recepción e un cuarto reservado para o albergueiro, unha consigna de bicicletas, unha sala destinada á cociña, un comedor e sala de estar e na zona traseira dous aseos adaptados.
O primeiro andar contará cun pequeno balcón, dous dormitorios adaptados con capacidade para 20 e 16 persoas, respectivamente, e tres aseos, un deles adaptado. A maiores, neste andar situaranse tres habitacións especialmente adaptadas.
No segundo andar incluirase unha galería, tres dormitorios adaptados con capacidade para 20, 26 e 10 persoas, respectivamente, e tres aseos, un deles adaptado.
O terceiro andar quedará reservado para lavandaría e instalacións, mentres que no cuarto andar, que terá acceso desde a praza de Peñasco, situarase unha segunda zona de estar, con carácter máis reservado que a da planta baixa.
Xa por último, o quinto andar contará cun dormitorio con capacidade para dez persoas e dous aseos.