Galicia

As rúas de Redondela énchense de música dende este venres con ‘Sonoaire’

O Concello de Redondela acolleu este xoves a presentación da terceira edición de ‘Sonoaire’, nun acto que contou coa presenza da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; David Estévez, membro da organización do festival, e compoñentes de Aretha Franklin Tribute e Broken Peach, dous dos grupos que forman parte do cartel do festival.

David Estévez subliñaba o feito da idoneidade de Redondela para o desenvolvemento de festivais deste tipo “dado que conta con numerosas prazas peonalizadas, moi preto unhas de outras, con moito ‘tapeo’, moita vida nas rúas e que ofrecen o escenario ideal para este tipo de festivais”.

Nese sentido asegurou que aos grupos “encántanlles esas actuacións nas rúas porque é onde se conecta realmente co público”.

Pola súa banda, a alcaldesa salientou a importancia de actividades deste tipo que son “un elemento de atracción para que, persoas de todos os lugares, se acheguen a Redondela e teñan a oportunidade de gozar tanto da vida nas súas rúas e prazas, coma da música dos estilos máis variados”. 

Este ano, eses grupos serán Aretha Franklin Tribute, BlackStereo, Broken Peach, La Patrulla, Spanish Castle Magic, Crónicas Pop e Moon Cresta 

Digna Rivas expresou a súa intención de que, en vindeiras edicións, “o Sonaire vaia máis aló, facer que teña máis pulo e facelo na liña que ten clara o goberno de que “a igualdade debe ser transversal en todas as áreas e a Cultura é unha desas áreas importantes”.

“Estou encantada de que hoxe, nesta presentación, acompáñenme dous grupos que lideran mulleres porque o empoderamento cultural da muller é moi importante e nós, como administración pública, temos a obriga de potenciar esa igualdade e amosar e impulsar a capacidade creativa das mulleres”, concluíu.

También te puede interesar