Destacados Vigo al minuto

@bngvigo pide ao PSOE que rectifique o “atropelo antidemocrático” de negarlle grupo municipal

O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas volveu pedir, neste caso no Pleno do Concello deste luns, ao grupo socialista que rectifique o “atropelo antidemocrático e disparate xurídico” que supón a resolución da Alcaldía na que, ademais de negarlle a constitución de grupo propio se lle designa ilegalmente como concelleiro “non adscrito”.

O Bloque  reclamou que se respeite a vontade das viguesas e vigueses expresada nas urnas o pasado 26M e que resultou non só no reforzo dunha maioría absoluta, “lexítima, democrática e que respeitamos” sinalou, senón tamén nunha  Corporación Municipal máis plural con 4 formacións políticas en lugar de 3.

“Sen pluralidade non hai democracia. E en democracia o respeito aos resultados electorais non é opcional. Por iso pedimos que se respeite a decisión das viguesas e vigueses de que neste Pleno haxa máis voces, non menos”, defendeu.

O voceiro nacionalista volveu denunciar que a decisión da Alcaldía fai que o BNG sexa a única formación política representada no Pleno que non vai contar con grupo municipal propio.

Aliás, acrecentou que a súa designación “contraria a Dereito e aberrante en termos democráticos” como “non adscrito” o único que persigue é adulterar o resultado electoral e laminar a representación do Bloque no Pleno, recortando o seu dereito a intervir e negándolle os medios mínimos indispensábeis para poder realizar a labor política de oposición. 

You may also like