Os vindeiros días 26, 27 e 28 de xullo a Illa de Arousa acollerá unha nova edición do Atlantic Fest, unha das citas dos #FestivaisRíasBaixas que promove a Deputación de Pontevedra.
Este ano a cita estará reforzada cunha campaña de concienciación polo medio ambiente “xa que este ano pretendemos remover as conciencias nas loitas contra os plásticos porque se seguimos así no ano 2050 vai haber máis plásticos que peixes”.
Así o sinalou este mediodía a presidenta da Deputación na presentación do festival no Faro de Punta de Cabalo, na que tamén participou o alcalde da Illa, Carlos Iglesias, así como representantes do Agadic, da organización do festival e das marcas patrocinadoras do evento.
Máis polo miúdo, Carmela Silva incidiu na importancia que teñen eventos coma este “porque a música ten un poder fundamental para atraer riqueza, para atraer atención sobre o territorio, para promover a cultura e talento musical e tamén para fortalecer a industria musical unha das industrias máis potentes e con máis potencialidade de futuro”.
Silva salientou que o festival tiña un carácter maioritariamente diúrno, dirixido a todos os públicos, e que conta cuns “produtos fantásticos tanto bebibeis como gastronómicos”.
Este ano, amais da campaña de sustentabilidade “Experiencias Sostibles”, a institución provincial tamén ten en marcha a campaña de igualdade “Eu decido ti respectas, eu respéctote conto contigo”. En concreto, a campaña de loita contra o plástico e defensa do turismo sostible estará presente o venres 26 de xullo e a campaña de igualdade desenvolverase ao día seguinte, 27 de xullo.