Galicia Vigo al minuto

@bngvigo manda a Corina Porro 21 propostas para que a Xunta acabe co seu “abandono” da cidade

Coincidindo coa toma de posesión do seu cargo de Corina Porro como nova  delegada da Xunta en Vigo, o BNG dirixiulle esta mesma mañá un escrito para urxir a fin da política de abandono de Vigo” e demandando que se atendan as necesidades da “principal cidade de Galicia”.

O escrito, remitido polo portavoz municipal do Bloque Xabier P. Igrexas, recolle 21 propostas concretas concibidas “como 21 oportunidades para que a Xunta do PP está disposta a rectificar de verdade”.

Segundo indica o BNG, o que censuraron as viguesas e os vigueses nas pasadas eleccións municipais foron as políticas do presidente Feijóo “e é iso o que ten que cambiar”, remacha Igrexas.

21 reivindicacións

O Bloque recolle un total de 21 cuestións urxentes relativas á cidade que precisan dunha viraxe de 180º na posición adoptada pola Xunta.

Entre elas que salienta a denuncia do recorte da metade do profesorado de primaria do CEIP Eduardo Pondal, o transporte metropolitano, o instituto de Navia, o centro de saúde de Bouzas, a mellora da Atención Primaria ou o aumento de prazas públicas de escolas infantís, residencias de maiores e pisos asistidos.

O BNG pide tamén compromisos en infraestruturas como o túnel de Xulián Estevez ou o alargamento do de Beiramar; demanda apostar polo desenvolvemento de Peinador, dentro dun sistema aeroportuario galego coordinado, o estudo para poñer en marcha unha rede de tren de proximidade (cercanías) e o reforzo do transporte marítimo de Ría.

Destitución do presidente do Porto

A fronte nacionalista pide de maneira expresa a destitución do actual presidente da  Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, pola súa “nefasta xestión”, e paralizar calquera novo proxecto de recheo na Ría de Vigo.

Por derradeiro, requiren unha maior implicación da administración galega na cuestión ambiental, cun Plan de Rexeneración da Ría de Vigo e o apoio ás Comunidades de Montes para recuperar as zonas afectadas polos lumes.

Valoración do nomeamento

A xuízo do BNG, a designación de Porro amosa que “o PP non entendeu nada do resultado do pasado 26 de maio. O PP de Vigo volve colocarse como unha verdadeira franquía ao servizo de Feijóo”, asegura  Igrexas.

No entanto, para o voceiro municipal do BNG a escolla concreta de Corina Porro non é o substancial e subliñou que o verdadeiramente importante é que cambien as políticas.  “Do que se trata non é dun cambio de caras. O que espera e merece Vigo non é apenas un cambio de talante ou de ton, que agradecemos, senón sobre todo unha mudanza radical nas políticas e que se deixe de virar as costas ás necesidades das case 300 mil galegas e galegos que vivimos en Vigo”.

You may also like