Comarcas

@depo_es adxudica as bolsas de ‘Practicum Depo 2018’ que permitirá a 51 estudantes facer prácticas no estranxeiro

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar as novas bolsas de mobilidade para o alumnado de FP participante no proxecto “Practicum Depo 2018”. Trátase da sexta mobilidade e, como subliñou a presidenta do organismo provincial, a penúltima desta iniciativa bianual, que deu comezo coa primeira saída de alumnado no 2018 e rematará o 31 de maio de 2020 coa chegada do sétimo grupo.

Prácticas en empresas estranxeiras

Carmela Silva lembrou que o obxectivo deste programa de mobilidade para mozas e mozos titulados de Formación Profesional“é colaborar na súa integración no mundo laboral a través de prácticas profesionais en empresas e institucións estranxeiras”.

Para esta nova mobilidade, a Deputación vai destinar 354.355€ que facilitarán que 51 alumnas e alumnos de 18 centros educativos da provincia, poidan residir en Finlandia, Grecia, Irlanda, Italia, Malta e Portugal durante 162 días, algo máis de cinco meses.

Bolsas de entre 6.400 e 7.700€

Máis polo miúdo, as persoas beneficiarias proceden de 5 centros de Vigo, 4 de Pontevedra, 2 de As Neves e un de Salvaterra, A Illa de Arousa, A Estrada, Redondela, Sanxenxo, Lalín e Bueu, e recibirán bolsas por contías que abranguen entre os 6.460 e os 7.727€. En total, neste programa bianual “Practicum Depo 2018”, que rematará en maio de 2020 coa chegada da sétima mobilidade, participan 104 estudantes e docentes de 32 centros da provincia, cun investimento de 672.278,40€.

Investimento de máis de 2 millóns

Ata o momento, incluíndo o vixente de 2018, a institución provincial leva postos en marcha catro “Practicum Depo”, nos que en total está a investir máis de 2 millóns de euros. A través desta iniciativa, 400 mozas e mozos da provincia desfrutaron xa de mobilidades no estranxeiro, “mellorando a súa formación e acadando máis recursos para mellorar a súa empregabilidade”, como salientou a presidenta da Deputación.

Te podría interesar