En total, 19 compañías e grupos ofrecerán 24 funcións ao longo dos meses de outubro e novembro no Auditorio do Concello
A Concellería de Cultura ven de presentar a programación de artes escénicas ‘Vigocultura’, que terá lugar nos meses de outubro e novembro de 2019 no Auditorio Municipal do Concello.
A programación está composta por espectáculos de rúa, monicreques, teatro, comedia, danza, maxia e circo. Un total de 19 compañías e grupos que realizarán24 funcións.
A programación comezará na rúa do Príncipe co “Espera” da Compañía Eia, o venres 27 de setembro. Ao día seguinte, Antón Coucheiro protagonizará “Sonámbulo”.
Todos os venres
Todos os venres de outubro e novembro haberá espectáculos para público adulto con compañías como Gorakada, ButacaZero, Arden Producciones, Desafora2, Fran Sieira ou Teatro do Atlántico.
A compañía viguesa Deuve fará a estrea mundial do espectáculo “Guerra de identidade“, que correrá a cargo de Deborah Vukusic coa dirección de Avelino González.
Na vertente máis social, dous espectáculos con temáticas de máxima actualidade. Por un lado a eutanasia co espectáculo “Celebraré mi muerte” de Teatro del Barrio, que conta coa produción de Jordi Évole e Alberto San Juan. Por outro lado “Invisibles”, sobre a violencia contra a muller, da compañía Redrum Teatro, que foi a última gañadora de tres Premios María Casares.
Circo, maxia ou monicreques para os cativos
Para os mais pequenos e as súas familias a oferta se completa con espectáculos de circo, maxia, teatro e monicreques, con compañías como Xampatito Pato, o Mago Martín Camiña, Producións Dispersas, La Trócola, Kandengue Arts ou Pata Teatro.
Como en todas as edicións de ‘Vigocultura’, os bebés serán os protagonistas do espectáculo “Bitels para bebés” de La Petita Malumaluga, que fará tres pases consecutivos o domingo 10 de novembro.
A compañía Yllana estará unha fin de semana completa no Auditorio do Concello realizando tres pases do seu espectáculo “Gag Movie” o venres e o sábado, coa súa versión máis gamberra para adultos, e o domingo cun pase máis familiar para todos os públicos.
Entradas
As entradas poderán adquirirse anticipadamente a partir deste venres 6 de setembro (sen gastos de xestión, ao mesmo prezo que no despacho de billetes), a través da páxina web de Ticketea, no teléfono 902044226, en Discos Elepé, ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora nates do comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas disponibles).
Os abonos para a programación pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con importantes descontos do 10 ou o 25 % respectivamente.
Como novidade nesta edición, e co obxecto de fomentar a asistencia ao teatro da mocidade, o público entre 12 e 18 anos poderá beneficiarse dun 50% de desconto no prezo das entradas adquiríndoas anticipadamente a través de Internet co código de desconto OTEATROMOLA.