Ciencia y Tecnología Galicia

Vigo conta cun Plan de Emerxencia de Múltiples Vítimas para atender accidentes coma o do tren do Porriño do que se cumpren 3 anos

de esquerda a dereita, David Rguez. Lorenzo da Unidade de Calidade; Lola Zapata, coordinadora do Plan; Angel Pichel, xefe servizo Urxencias; Mercedes Millán, supervisora área; Maite Maza; xefa da Unidade Urxencias; Miguel Dominquez, supervisora Urxencias; Xoan Hermelo, subdirector de enfermaría; Rosa Morais, supervisora área e Lorena Soto, enfermeira de Urxencias.

O accidente de tren de Porriño –  do que este luns hai 3 anos –  marcou un punto de inflexión na atención sanitaria de Vigo. Así, este accidente foi o punto de referencia  para desenvolver un  Plan de Incidencia de Múltiples Vítimas (IMV), documento que recolle o procedemento de atención ás vítimas en caso de catástrofe externa co obxecto de desenvolver unha coordinación áxil, e una atención eficaz e resolutiva.

Trátase do primeiro Plan destas características dos hospitais de Galicia, elaborado  coa participación de todas as categorías profesionais e coordinado pola Unidade de Calidade e a Dirección de Procesos Asistenciais da Área Sanitaria de Vigo.

Seguridade para pacientes e profesionais

Unha IMV caracterízase por presentar unhas necesidades organizativas diferentes ás habituais, debido á imprecisión no seu momento inicial do alcance da mesma;  posteriormente se confirmará  as necesidades dun requirimento asistencial de alto nivel.

A coordinadora do Plan, a doutora Dolores Zapata, explica que –“trala reordenación da area sanitaria foi necesario o deseño dun plan integral que se adaptase ás novas estruturas que, ademais, coincidiu co accidente do tren de Porriño. Aínda que a actuación sanitaria nese accidente foi impecable e exemplar, veu a refrendar a necesidade de dispoñer dese procedemento, non só para garantir unha xestión eficaz e de calidade ás vítimas e aos seus familiares no caso dunha IMV, senón para aportar seguridade aos profesionais no desenvolvemento das súas tareas, de xeito que quede pouco marxe para a improvisación “-asegura a doutora Zapata.

Niveis de actuación

O plan establece catro niveis de actuación segundo o número de vítimas. O Nivel 0, abarca ata 10 vítimas; o Nivel I, de 11 a 25;  Nivel II, de 26 a 50; e o Nivel III, cando hai máis de 50 vítimas.

O xefe de servizo de Urxencias, Angel Pichel explica -“ademais da referencia cuantitativa, nunha IMV tamén é necesario ter en conta as características da incidencia, porque pode ser unha incidencia con poucas vítimas  aínda que moi graves, subsidiarias de tratamentos cirúrxicos e coidados críticos, ou, pola contra, unha catástrofe con moitas vítimas pero que non revistan excesiva gravidade, como aconteceu no Marisquiño”-.

Así, establécese un posto de mando para valorar a dimensión da Incidencia, organizar a distribución do persoal e identificar outras necesidades. O posto de mando é o responsable de adoptar decisións como a de priorizar a atención, optimizar os recursos e valorar a necesidade da cancelación da actividade ordinaria, ou a mobilización de máis recursos humanos, en caso de necesidade.

“Aínda que nesta área sanitaria dispoñemos duns recursos e una estrutura moi dimensionada, con máis de 6.000 profesionais, máis dun millar de camas hospitalarias, 116 postos de coidados críticos e 36 quirófanos, o importante nunha IMV é unha correcta coordinación e xestión dos mesmos; e para iso é fundamental que todos e cada un dos profesionais coñeza o seu protocolo de actuación”-afirma a doutora Zapata.

Te podría interesar