Os deputados no Congreso, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, así como o senador José Manuel Sande, presentaron este venres a iniciativa rexistrada no Congreso para solicitar a creación da Comisión de Investigación do Accidente do Alvia, dado que na pasada lexislatura non se remataron os traballos polo adianto electoral.
“Voltamos rexistrar a creación desta comisión para que se conclúa a investigación e se depuren responsabilidades”, incidiron os deputados.
Yolanda Díaz, salientou que nos fixemos eco desta demanda da asociación de vítimas porque merecen facer xustiza “despois de seis anos do accidente nos que non se aboordaron as responsabilidades do que aconteceu”.
Díaz lembrou que a asociación está instando de xeito reiterado a Sánchez para que, xunto aos colectivos da sociedade civil, sexan recibidos. “Ten que escoitalas e tomar unha decisión”, incidiu a deputada.
Pola súa banda, Antón Gómez-Reino, membro da Comisión, resaltou que, a pesar de todos os atrancos, a pasada lexislatura, “púxose en marcha esta comisión e fíxose un traballo positivo”.
“Levamos a comparecer a responsables políticos relevantes como José Blanco ou Ana Pastor, que durante anos esquivaran as comparecencias parlamentarias e calquer tipo de responsabilidade, e tamén tivo ocasión de falar a plataforma de vítimas”, afirmou.
Falla de conclusións
“Sorprende que no diálogo destas semanas na Cámara, PSOE e PP parecían querer evitar que se puxera de novo en marcha a comisión, para sacar as conclusións. Por iso, agardamos que a lexislatura siga en marcha e, cando se constitúa a comisión, agardamos levar unha comparecencia máis que nos parece relavante e sacar as pertinentes conclusións“, incidiu o deputado, que recordou que se debe votar a apertura desta comisión, polo que agardamos que “o PP e PSOE non a intenten bloquear, como fixeron hai tres anos”.
Con esta iniciativa, os deputados lembraron que “tratamos de forma humilde de poñer sobre a mesa as reivindicacións das vítimas: que haxa xustiza e reparación dun accidente que xerou moito sufrimento, e tamén agardamos que se depuren responsabilidades politicas”.