Marea de Vigo, logo das novas da posible venda de Povisa trasladou este luns á vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada Eva Solla, a necesidade de solicitar no parlamento unha “auditoría a fondo do concerto do Servizo Galego de Saúde (Sergas)” con esta clínica privada.
O voceiro de Marea de Vigo cualifica este concerto coma “absolutamente singular no Estado español e que, dende hai moitos anos, é un instrumento totalmente vantaxoso para o centro hospitalario privado ao condicionar, entre outras cousas, o non desenvolver un centro hospitalario no Morrazo ou a apertura das plantas ociosas no Meixoeiro”
Para Rubén Pérez, “de novo o grupo da familia Silveira move ficha sen clarificar e blindar o futuro de máis de 1.500 persoas empregadas e das máis de 130.000 cartillas sanitarias que cubre”.
Por isto, Marea de Vigo pide tamén unha “auditoría de todas as empresas do grupo Silveira”, e segue a denunciar que un hospital que forma parte da rede hospitalaria do Servizo Galego de Saúde “non pode ser moeda de cambio nas aventuras empresariais e no engorde de sociedades pensadas para a evasión fiscal como son as SICAV’S, que a familia Silveira posúe”.