Un grupo de profesionais da Área Sanitaria de Vigo presentaron este luns a terceira edición do calendario solidario “Amanecer 2020”, que eles mesmos realizaron e protagonizaron. Os beneficios do calendario irán destinados á Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo, ADROVI, e á Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea, ASOTRAME.
Este grupo, coordinado polas TCAEs (Técnicas de Coidados Auxiliares de Enfermaría), Carmen Pellitero e Montse Álvarez, está composto por 26 traballadoras e traballadores de diferentes categorías profesionais, xa que ademais da enfermaría participaron celadores, azafatas, persoal de seguridade así como o facultativo e xefe de servizo de HADO, Luis Amador. Este ano contaron tamén coa participación de catro actores galegos, Carlos Blanco, Antonio Durán “Morris”, Mon Santiso e Covadonga Bernardiñas.
Unha das coordinadoras, Carmen Pellitero, afirmou que- “ano tras ano viñemos superando as nosas expectativas, e o que empezou por unha pequena loucura de sete persoas do servizo de Urxencias do Cunqueiro foise estendendo entre o persoal, e acadamos que nesta edición participase 26 compañeiros doutros hospitais do CHUVI. Ademais, temos que agradecer moi especialmente a colaboración desinteresada dos actores galegos que non dubidaron en ofrecernos o seu apoio e sobre todo do fotógrafo e artista Anxo Barral, que fixo posible este calendario, e de Luis Cortés, un dos seus principais impulsores”-.
Este ano realizarase unha tirada inicial de 1.800 calendarios e a previsión é superar os 12.000 euros de recadación da anterior edición.
Temática Futurista inspirada no cine
A temática do calendario recrea un posible futuro distópico sobre a evolución do ser humano e a súa relación coa tecnoloxía, a intelixencia artificial e, en definitiva, a interacción home-máquina.