O Servizo Galego de Saúde (Sergas) ven de formalizar a adquisición de mobiliario dirixido á hospitalización do hospital do Meixoeiro. En total vanse renovar 170 camas e 170 mesas de noite dos cartos dos pacientes ingresados, por un importe de 410.371,50€ -cofinanciado nun 80% cos fondos FEDER-.
25 camas para o Cunqueiro
Ademais, adxudicouse tamén mobiliario para o Álvaro Cunqueiro, 25 camas, 25 mesas de noite e 25 sillóns de pacientes por un importe de 74.868,75 euros. “Este novo equipamento virá a reforzar os recursos materiais dispoñibles neste centro para facer fronte ao picos asistenciais cunha maior eficacia que permita incrementar a calidade asistencial ofertada aos pacientes”, sinalan dende o Sergas.
O Novo Meixoeiro
Dende o Sergas aseguran que a renovación do mobiliario do Meixoeiro “vai parella á reforma integral que estase desenvolvendo nese hospital co obxecto de modernizar e potenciar ese centro”.
Sanidade asegura que están practicamente rematadas as obras de adaptación funcional da Unidade de Mama, Medicina Nuclear e Radioterapia, nas que se invisten 4 millóns de euros. A Unidade de mama ampliará e integrará os recursos diagnósticos da mama da área de Vigo, tanto os de cribado poboacional como os de diagnóstico hospitalario, polo que vanse duplicar os espazos actualmente dispoñibles.
En canto ás obras de Medicina Nuclear e da Unidade de Oncoloxía Radioterápica, tamén teñen por obxecto a ampliación dos espazos e unha mellora da distribución dos dispositivos e dos circuítos de atención.