O presidente do Goberno de Galicia informou este xoves da aprobación dunha nova liña de préstamos para apoiar ás empresas auxiliares do sector naval. O obxectivo, dixo, é apoiar a esta industria, que conta coa segunda maior carteira de pedidos de toda Europa.
Estas axudas, aseverou o presidente Feijóo “facilitarán o financiamento ás empresas da industria auxiliar naval que poidan estar sufrindo atrasos nos pagos debido ás dificultades que atravesan determinados estaleiros galegos”. Tal e como subliñou, estarán incluídas no programa de préstamos directos para o financiamento que ten activo o Igape, cun orzamento conxunto de 36 M€ ata 2021.
Ademais, ao longo da súa intervención, o presidente explicou que grazas a esta liña facilitarase a concesión de préstamos comprendidos entre os 50.000 e 1 millón de euros e indicou que estes contarán cun prazo de amortización de 5 anos.
A ese respecto, sinalou que a previsión é que os apoios melloren a situación financeira dos provedores de bens e servizos dos estaleiros. Do mesmo xeito, Feijóo adiantou que se abrirá inmediatamente o prazo para presentar as solicitudes e seguirá aberto ata finais de 2020.