O Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, vén de conceder ao Concello de As Neves dúas subvencións por un importe total de 301.873,49 € para a renovación do alumeado exterior da vila.
Estas achegas permitirán a a substitución de 749 luminarias e 24 dos 63 cadros de mando do actual sistema de alumeado municipal, o proceso que se levará a cabo nas parroquias de Santiago, San Xosé e San Cibrán de Ribarteme e San Pedro e Santa Eulalia de Batalláns.
Das lámpadas actuais a LED pasando de 36 a 12 kW de potencia
Este orzamento, que representa o 80% de toda a inversión total para substituír a iluminación actual e que estará completada co 20% restante -preto de 76.000€- que achegará o propio Concello, estará adicado a retirar as luminarias actuais de VASP, VM, BC e IND por novas lámpadas LED, pasando dunha potencia de 36,13kW a 12,05 kW o que representara un aforro enerxético medio do 81%.
Outros 500.000€ máis de fondos europeos
Esta subvención do IDAE súmase ao medio millón de euros, “logo dun traballo de máis de dous anos de xestións”, de fondos europeos, acadados polo Goberno local este mesmo ano. De xeito que As Neves conta con máis de 800.000€ para “renovar na súa totalidade, e en todas as parroquias, abranguendo todo o territorio municipal, as vellas lámpadas obsoletas e contaminantes por leds de alta tecnoloxía”, subliña o alcalde.
Aforro e redución da contaminación
Xosé Manuel Rodríguez Méndez, recalca que, en conxunto, o novo alumeado, “ademais de subir a intensidade e claridade do actual, mellorando de xeito considerábel o servizo ás veciñas e veciños, permitirá aforrar ás contas municipais máis dun 75%, de media, no recibo eléctrico e reducir a emisión de CO2 á atmosfera”.
Ao mesmo tempo que se substitúen as luminarias implantaranse sistemas intelixentes de tele-xestión enerxética nos ‘cadros da luz’. Isto fará que sexa posible monitorizar o alumeado en tempo real e xestionar punto por punto, o cal permitirá regular a intensidade lumínica e programar o acendido e apagado en función das necesidades e das horas nas que haxa luz natural.
Inicio da licitación
O Goberno local empeza agora coa licitación para realizar este cambio, a seguir, empezarán os traballos de substitución das vellas lámpadas, un proceso que se vai facer de xeito progresivo en toda a superficie de As Neves e que se estima que estará rematado nun prazo de dous anos.