Galicia Vigo al minuto

@bngvigo insta ao Goberno local a usar todos os medios legais para evitar un novo recheo do Porto de Vigo

O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, demanda que o Goberno municipal utilice todos os medios administrativos e legais para evitar que se efectivice o aterramento no pantalán 2 da dársena de Bouzas.

O Bloque reitera que “o tempo dos recheos na Ría de Vigo rematou” e chama a apostar por un desenvolvemento “sustentábel e racional” do Porto. Por iso, insta ao Goberno local a “utilizar todos os medios administrativos e legais para paralizar esa nova agresión ambiental contra a Ría”.

Xabier P. Igrexas, demanda tamén que o executivo de Abel Caballero informe de cal foi a posición dos representantes municipais no Consello de Administración da Autoridade Portuaria a respeito deste proxecto.

O novo aterramento executaríase no pantalán número dous da dársena de Bouzas, nas inmediacións do Berbés e tería por obxecto ampliar a lonxa. O concelleiro do BNG criticou que ese recheo para alén do “evidente efecto ambiental” ,terá tamén efectos negativos a nivel paisaxístico e dificultará a integración urbana da faixa litoral no Berbés, “unha tarefa que sigue pendente”. Aliás, Igrexas advertiu de que a ampliación da lonxa nesa localización suporá “acabar coas vistas privilexiadas que ten a cristaleira do hall do Auditorio Mar de Vigo”.

Desde a fronte nacionalista denuncian a “irracionalidade” da Autoridade Portuaria presidida por López Veiga, que “teima na aberración de seguir gañando metros ao mar cementando a nosa Ría”, malia non dispor nin dunha Delimitación de Usos e Espazos Portuarios nin dun Plan Especial. Lembran que a cidade xa ocupa arredor de 3 millóns de metros cadrados do seu litoral.

You may also like