Cultura Vigo al minuto

@bngvigo lamenta que @abelcaballero queira disputarlle ao dinoseto o posto de “mascota da cidade”

Imaxe:@mariagomez9/O BNG de Vigo vén de criticar con dureza que na campaña publicitaria coa que o Concello  vai promocionar o turismo co gallo do Nadal en doce cidades españolas e portuguesas, se inclúan soportes cunha imaxe do alcalde.

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, expresou “estupefacción e profunda vergoña allea” diante dos anuncios que se instalaron por exemplo nalgunhas estacións de metro de Madrid cunha fotografía de grande tamaño de Caballero. “Nós xa sabiamos que Barcelona tiña a Cobi, que Sevilla tiña a Curro, e parece claro que en Vigo Abel Caballero quere disputarlle o lugar ao propio dinoseto como mascota emblema da cidade”, ironizou.

O portavoz nacionalista asegurou que non lle van pedir ao rexedor que abandone “o frikismo político ao que xa nos ten acostumados, porque probabelmente non sabe facer outra cousa”, pero si que exixen que non se financie a cargo de fondos públicos. “Se Caballero quere poñer carteis coa súa cara en Madrid para promocionarse, que o pague el mesmo ou o PSOE de Vigo, pero non o Concello de Vigo con diñeiro de todas as viguesas e os vigueses”, reclamou.

Para Igrexas é evidente que a cidade dispón de moitísimas imaxes, mesmo do nadal, máis acaídas para promocionarse que a faciana do alcalde. “Que diría Caballero se a Xunta do Partido Popular promocionase Galicia como destino turístico cunha foto de Feijóo? Pois con toda a razón diría que é intolerábel que se faga uso de cartos públicos para autobombo persoal”. 

“Nin o Concello, nin a cidade de Vigo se reducen a Abel Caballero e iso é algo que é preciso comezar a entender, inda que for por pura hixiene democrática”, remachou.

Te podría interesar