O persoal do 061 asistiu durante a fin de semana 107 persoas debido a 71 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas entre as 3 da tarde do xoves 5, e as 12 menos un minuto da noites deste domingo pasado, 8 de decembro.
A Central de Coordinación do 061, recibiu nestes días 88 chamadas en relación cos accidentes de tráfico e os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas foron 92. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado atenderon en seis accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 81 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en dous accidentes. As ambulancias convencionais asistiron en tres sinistros de circulación.
En 96 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 10 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.