A presidenta da Deputación de Pontevedra participou na clausura do Cumio do Clima COP25 onde interveu na mesa de debate “Os compromisos internacionais dos gobernos locais”, no marco da xornada “Os retos dos gobernos locais fronte ao cambio climático”, que foi inaugurada no IFEMA de Madrid polo Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e polo presidente da FEMP Abel Caballero.
Carmela Silva reivindicou na súa intervención a importancia do local para facerlle fronte á emerxencia climática: “non teño ningunha dúbida, o mundo local é o gran centro da acción polo clima. Os alcaldes, alcaldesas e presidentes e presidentas das deputacións temos algo que non teñen outras administracións: a proximidade, falar de ti a ti cada día coas nosas veciñas e os veciños”.
Deste xeito, Silva subliñou que “a administración local leva moito tempo sendo consciente de que os dous grandes retos económicos, políticos, medioambientais, sociais, culturais do mundo son a loita pola igualdade entre mulleres e homes e a transición ecolóxica. Desde o local estanse a tomar decisións valentes, destinándolle moitos recursos e cun discurso que está calando entre a cidadanía”.
Ao respecto da Deputación de Pontevedra, a presidenta destacou que estes dous grandes compromisos, adquiridos desde a súa toma de posesión, veñen reflexados nos orzamentos. “O orzamento do 2020 elaborouse tendo en conta os 17 ODS, para cumprir cada unha das súas 167 medidas, moi centradas na igualdade e na transición ecolóxica”. Así, Carmela Silva detallou que o primeiro que fixo a institución provincial foi unha auditoría para coñecer o grao de cumprimento dos ODS, “tiñamos que saber de onde partir, e como levábamos dous anos actuando xa neste eido deunos unha porcentaxe moi elevada, o 91% do cumprimento. O noso obxectivo é chegar ao 100% xa que sabemos que hai unha emerxencia climática, non o podemos negar”.
Tamén aproveitou a presidenta para sinalar algunhas das actuacións que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra neste eido, como o plan de tratamentos sólidos, baseado na compostaxe e ao que cualificou como “o máis ambicioso que existe no mundo”, os proxectos de mobilidade para recuperar o espazo público para as persoas ou a aposta por produtos de proximidade. “Iniciativas que nos están a permitir construír unha provincia máis amable, onde as persoas son o centro de todo”, subliñou Silva.