O BNG non asistirá ao acto de inauguración do denominado “Nadal Solidario” que organiza a Xunta en Vigo, previsto para o próximo luns.
O concelleiro do Bloque Xabier P.Igrexas agradece á Delegación Territorial a invitación, celebra o feito de que “rectifique o hábito de só estender estes convites ao grupo municipal do PP” e subliña o seu recoñecemento ao “traballo e contributo” das organizacións sociais que van participar na programación, pero non irá argumentando que o papel da Xunta na cidade non pode ser o de “competir ou solapar” con actividades que son de “evidente carácter local”.
Para o representante do BNG no Concello “o que precisamos e merecemos as viguesas e os vigueses é que o Goberno galego exerza as súas competencias para atender as necesidades da principal cidade de Galicia, non unha competición absurda dentro da confrontación partidista entre Xunta e Concello”.
21 demandas á delegada da Xunta
Igrexas reiterou as 21 demandas que lle fixera chegar a Corina Porro, no momento da súa designación, ás que engade as preto de 30 emendas que o Bloque formulou ao proxecto de orzamentos da Xunta para 2020 e nas que demandaban un aumento de 56 millóns e medio do investimento autonómico na cidade.
“O que ten que facer Corina Porro é deixar se xogar a ser unha especie de ‘minialcaldesa’ e exercer como Delegada para que remate o abandono da Xunta do PP contra Vigo”, reclama o concelleiro do BNG.
Infraestruturas, sanidade, educación e servizos
Entre esas demandas, reitera o representante do Bloque están: dotar o barrio de Navia dun instituto; acabar cos recortes no ensino público que se traduce en menos medios en beneficio da privada-concertada; reverter os recortes sanitarios atendendo as reivindicacións da Atención Primaria, do PAC e poñendo fin ao modelo privatizador do Hospital Álvaro Cunqueiro; acometer o tunel de Xulián Estevez, ou completar a rexeneración integral da Ría.