'Qué te cuentas?' Galicia

Os órganos xudiciais galegos resolveron un 4,6 % máis de casos no terceiro trimestre do ano

Os órganos xudiciais galegos resolveron entre xullo e setembro 65.605 asuntos, fronte aos 62.711 que finalizaron no mesmo período de 2018, o que significa un 4,6 % máis, segundo o informe sobre a situación dos xulgados e tribunais feito público este luns pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial. Ao finalizar o trimestre quedaron pendentes 157.679 asuntos, un 1,3 % menos que na mesma data do ano anterior, cando estaban en trámite 159.761.

O número de asuntos ingresados nos órganos xudiciais galegos no terceiro trimestre do ano foi de 72.695, fronte aos 72.278 de 2018, o que representa un aumento do 0,6 %. A entrada de casos experimentou un ascenso nas xurisdicións civil e social; e un descenso na penal e contencioso-administrativa.

Datos por xurisdicións

Na xurisdición civil, o número de procedementos ingresados en Galicia no terceiro trimestre do ano foi de 28.239, o que supón un aumento do 3,2 % respecto ao mesmo período do ano anterior. Nese tempo resolvéronse 25.624 asuntos, un 11,8 % máis que en 2018, quedando en trámite ao final do período 80.680, un 0,3 % menos.

Na xurisdición penal entraron 35.408 asuntos, 245,89  de media por órgano xudicial, o que supón un 1,5 % menos que no terceiro trimestre de 2018. O número de casos resoltos foi de 33.042 e o de asuntos en trámite ao final do período de 42.200, un 7,2 % menos que o ano pasado.

Na xurisdición contencioso-administrativa ingresaron 1.682 procedementos entre os pasados 1 de xullo e 30 de setembro, o que supón un 16,1 % menos que no mesmo período do ano anterior. Resolvéronse 1.571 asuntos, un 4 % máis, e quedaron en trámite 7.127, un 1,2 %  máis en que en 2018.

Por último, a xurisdición social experimentou un aumento na entrada de casos, xa que os 7.366 ingresados representan un 5,6 % máis que no terceiro trimestre de 2018. O número de procedementos resoltos nesta xurisdición foi de 5.368, un 4,8 % menos, e quedaron en trámite ao final do período 27.672, un 5,2 % máis.

 Taxa de litixiosidade

A taxa de litigiosidade en Galicia (26,9) no terceiro trimestre de 2019 é practicamente a mesma que a do ano pasado no mesmo período (26,8) e sitúase por baixo da media do conxunto do Estado, que foi de 30,1 asuntos por cada mil habitantes.

Datos por provincias

Entre os pasados 1 de xullo e 30 de setembro na provincia da Coruña rexistráronse 26.704 asuntos e resolvéronse 23.845, un 4,1 % máis que no mesmo período de 2018. Pontevedra recibiu 25.957 casos, dos que finalizou 23.923. A provincia de Lugo ingresou 7.636 procedementos, case os mesmos que Ourense (7.387), dos que resolveron 6.768  (un 0,6 % máis) e 6.643 (5,2 % menos), respectivamente.

A Coruña e Pontevedra tiñan en trámite ao comezo do terceiro trimestre deste ano 62.044 y 48.819 asuntos, respectivamente, e, ao finalizalo, quedaron pendentes na Coruña 65.024 (un 1,4 % máis que en 2018) e, en Pontevedra, 50.832 (2,9 % menos). Os xulgados de Lugo iniciaron o período con 18.869 casos sen resolver e finalizárono con 19.683, é dicir, un 1 % menos que o ano pasado nas mesmas datas. A provincia de Ourense tiña pendentes ao rematar o terceiro trimestre 14.443 procedementos, un 4,8 % menos que en 2018.

You may also like