Comarcas

@depo_es apoia o estudo CEMUDIS para “visibilizar a situación das mulleres con diversidade funcional”

A presidenta da Deputación de Pontevedra animou este martes a todas as mulleres de entre 16 e 65 anos con diversidade funcional a participar na enquisa do estudo que CEMUDIS, a Confederación Estatal de Mujeres con Discapacidad, está a levar a cabo.

“Trátase dun traballo fundamental, dunha radiografía da situación social e laboral das mulleres con diversidade que vai permitir visibilizar a súa realidade e tomar decisións políticas” asegurou Carmela Silva ao tempo que reclamou “ás administracións competentes medidas para reverter esta situación de dobre discriminación”.

Carmela Silva recordou que segundo un informe da Fundación ONCE en España hai 791.400 mulleres con diversidade funcional en idade activa (16-65 anos), o que representa o 42,5% da poboación con diversidade funcional en España nesa franxa de idade. Delas, tal e como informou a presidenta provincial, o 5,6% carecen de estudos, teñen unha taxa de emprego do 25,6% e de paro do 26,7% e retribucións brutas anuais de ata 3.000 euros inferiores ás dos homes con diversidade funcional.

En liñas xerais, o estudo que está a impulsar CEMUDIS analiza a situación social e laboral das mulleres con diversidade funcional e busca coñecer a orixe e as causas da dobre discriminación que sofren estas mulleres.

A primeira fase do estudo levouse a cabo no 2018 enquisándose a un total de 3.064 mulleres en catro comunidades autónomas distintas e no 2019 estase a realizar noutras oito, entre elas Galicia. Para Carmela Silva “se non coñecemos a realidade non existe” e por iso “precisamos datos como os que aportará este estudo, que nos permitirá impulsar decisións políticas e destinar recursos económicos para solucionar estas situacións”.

En Galicia, tal e como informaron as responsables da iniciativa Paula Pichel, técnica de investigación de CEMUDIS, e Laura Quintas, integrante da xunta directiva de ACADAR (Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia) espéranse acadar as 800 enquisas cubertas antes de finais de ano para obter unha mostra o máis representativa posible.  Ambas recoñeceron tamén o apoio da Deputación de Pontevedra a cal, segundo comentaron, é a única administración que lles está a dar resposta á difusión ao estudo.

A enquisa, totalmente anónima, e pode realizarse a través de Internet (https://es.surveymonkey.com/r/cemudis) ou en papel poñéndose en contacto coas asociacións. Ademais de con este estudo, a Deputación de Pontevedra tamén colabora con ACADAR financiando o programa “Empoderar para decidir”, que ten por finalidade a promoción do empoderamento das mulleres con discapacidade para facilitar a toma de decisións sobre cada un dos aspectos das súas vidas, e “Mochilas violetas”, un programa de prevención de violencia de xénero que se está a levar a cabo en centros de primaria e secundaria de toda a provincia.

También te puede interesar