Os xulgados galegos recibiron no terceiro trimestre do ano 1.680 denuncias por violencia de xénero, un 5,8 % menos que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.784. A gran maioría das denuncias (1.421) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima.
O número de mulleres que aparecen como vítimas practicamente mantense, pois entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2019 contabilizáronse 1.499, fronte ás 1.502 do ano pasado nas mesmas datas, o que supón un descenso do 0,2 %.
Galicia situouse como a comunidade coa taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, con 10,7 persoas, fronte ás 18,1 de media estatal.
Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia descenderon os casos de vítimas que se acollen á dispensa para non declarar. Se no terceiro trimestre de 2018 optaron por esta opción 92 mulleres, este ano fixérono 84, o que supón o 5,6 % das vítimas, un 8,7 % menos que en 2018.
Ordes de protección
Durante o terceiro trimestre do ano solicitáronse 536 ordes de protección nos órganos xudiciais da comunidade, fronte ás 523 de 2018, o que supón un aumento do 2,4 %. Das 536 adoptáronse 396.
Preto do 86% de condenas
O 85,7 % das persoas axuizadas na comunidade galega por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xullo e o 30 de setembro deste ano foron condenadas. Este dato sitúa á comunidade por encima da media estatal, que é do 74,6 %.