Imaxe: Juan Teixeira/ En novembro tivo lugar a exposición ‘As outras luces de Vigo’, diante do Museo MARCO. Unha mostra composta por retratos a trece artistas vigueses como Morris, Marta Larralde, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Ledicia Costas posando con luces led. A exposición quería reivindicar unha maior atención aos artistas locais, que son os que de verdade fan brillar a nosa cidade. Agora, as fotografías que compuñan a exposición van ser postas á venda nunha poxa solidaria en favor da Fundación Emaús.
O evento vai ter lugar este xoves día 26 no Urban Market do Progreso a partir das 20.00 horas. A poxa será conducida polo propio Antonio Durán ‘Morris’ e estarán presentes algúns dos artistas retratados. Tamén haberá actuacións; a compañía 8MM fará un espectáculo de improvisación e Blues do País porá a nota musical.
‘As outras luces de Vigo’ foi unha iniciativa levada a cabo o pasado mes de novembro na que participaron Antonio Durán ‘Morris’, Marta Larralde, Ledicia Costas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Silvia Superstar, Patricia Moon, María Xosé Queizán, Eladio Santos, Julián Hernández, Silvia Penas, Lupita Hard e Kaixo.
O 5 de novembro os artistas nomeados participaron no gran acendido das luces que consistiu na descuberta dos retratos. As fotografías estiveron expostas ata o 10 novembro, día no que tiveron que ser desmontadas para deixar espazo a ornamentación natalicia do Concello de Vigo.
A Fundación Emaús, para quen irán destinados todos os cartos recadados neste evento, leva traballando desde o 2003 a prol das persoas en risco de exclusión social na nosa cidade.