O servizo de Medicina Intensiva do Hospital Álvaro Cunqueiro ven de participar no ensaio clínico CRASH-3, que demostrou unha redución significativa do risco de morte relacionado con dano cerebral traumático cando se administra ácido tranexámico nas tres horas inmediatas tras un traumatismo craneoencefálico leve o moderado.
Ademais da sua eficacia avaliouse tamén a seguridade do tratamento. Os resultados desta investigación foron publicados na prestixiosa revista científica “Lancet”.
O promotor é a Escuela de Higiene y Medicina Tropical de Londres, dependente da Universidade de Londres e centro lider mundial en saúde pública e medicina tropical .
Neste ensaio, estudáronse máis de 12.000 pacientes en 59 hospitais de todo o mundo nos últimos seis anos. Dos nove hospitais españois participantes, o Álvaro Cunqueiro foi o segundo que máis pacientes incluíu neste estudo, un total de 82.
Medicamento que evita as hemorraxias
O sangrado intracranial é común tras unha lesión cerebral traumática e aumenta a morte e a discapacidade relacionadas coa lesión na cabeza. A probabilidade de falecer ou sufrir secuelas depende, en gran maneira, da cantidade de tecido cerebral destruído.
A coordinadora e investigadora principal deste proxecto, a intensivista Mélida García Martul explica que, “a pesar dos avances observados nas últimas décadas na monitorización, diagnóstico e tratamento do traumatismo craneoencefálico, que se teñen traducido nun descenso da mortalidade nos países desenvolvidos, aínda un 50% destes pacientes experimentan secuelas significativas ao longo da súa vida. O ácido tranexámico é un medicamento que actúa inhibindo a ruptura dos coágulos sanguíneos polo que é unha poderosa ferramenta para evitar as hemorraxias que sofren moitas persoas tras un traumatismo craneoencefálico”.