A Consellería de Educación vén de publicar a resolución da convocatoria dos centros públicos de Primaria, ESO e Bacharelato que van implantar plans de formación permanente do profesorado (PFPP) neste curso 2019/20.
Dende a consellería indican que “o obxectivo é actualizar e perfeccionar as competencias profesionais dos docentes, necesarias para responder aos retos educativos actuais, impulsando a súa aplicación e desenvolvemento na aula, e
buscando a excelencia educativa e a mellora da calidade do ensino e dos resultados escolares do alumnado”.
316 centros da provincia de Pontevedra
Serán un total de 876 os centros que desenvolvan esta iniciativa en toda Galicia, dos que 315 son da provincia de Pontevedra. Deles, 277 continúan con plans xa existentes e outros 38 incorporan plans novos. A relación completa de centros seleccionados pode consultarse na ligazón: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/29960.
Tanto durante o proceso de solicitude como ao longo de todo o desenvolvemento do plan (cuxa duración oscila entre dous e catro cursos académicos) os centros reciben o apoio da rede de formación dependente do Consellería, a través dun asesor de formación asignado.