Vigo al minuto

O uso do bus urbano medrou un 1,4% en Vigo o ano pasado, case a metade que o anterior

O #BNG pide á vista dos datos e preto do fin da concesión de Vitrasa, unha auditoría deste servizo

O BNG de Vigo vén de solicitar, logo de coñecer os datos do número de viaxeiros no bus urbano o ano pasado, que o Concello realice unha auditoría do mesmo “co obxectivo de melloralo”.

Xabier P. Igrexas, concelleiro de #OBloque na cidade valorou que malia o incremento no número de usuarias e usuarios rexistrado, “ese aumento é case a metade do que se producira o ano anterior, concretamente dun +1,4% en 2019 fronte ao +2,6% de 2018″.

Uns datos que reflicten, para Igrexas, a necesidade de acometer unha “mellora substancial” do servizo para incrementar o número de viaxeiras e viaxeiros e reducir, desta maneira, a utilización do coche particular. Aliás, o edil nacionalista expresou a súa preocupación polo feito de que, segundo un recente informe elaborado por Moovit, Vigo sexa a segunda cidade do Estado, detrás de Burgos onde menos se usa o transbordo o que demostraría a deficiencia do actual mapa de liñas e a insuficiencia das frecuencias.  

Fin da concesión de Vitrasa 

Desde o Bloque defenden que ás portas de que finalice a actual concesión a Vitrasa é o momento máis axeitado para o Goberno municipal realizar unha auditoría completa do funcionamento do servizo, para “poder coñecer con indicadores fiábeis e obxectivos a calidade do servizo e para definir en que ámbitos hai que actuar para melloralo para o converter nunha opción para o conxunto da cidadanía”, segundo apuntou Igrexas. Nese sentido, o portavoz municipal do BNG anticipou que “a realidade cotiá, a que palpan cada día millares de viguesas e vigueses que facemos uso do bus urbano é que é necesaria unha remodelación integral”.

Mapa de liñas, frecuencias ou baixada do billete

Para o Bloque é necesario levan adiante unha revisión do mapa de liñas para conectar o conxunto dos barrios e parroquias e mellorar a conexión con infraestruturas básicas –como o novo hospital, o CUVI ou as terminais de transporte–, o aumento das frecuencias despregando máis buses e con máis persoal condutor, facilitar o transbordo cunha nova organización das cadencias horarias, a redución dos tempos de viaxe e a rebaixa das tarifas serían as cuestións a abordar nese proceso de orientado a lograr, segundo Igrexas, que Vigo teña un autobús urbano á altura dunha urbe de 300 mil habitantes e a principal cidade de Galicia.

You may also like