O Servizo de Teleasistencia da Deputación de Pontevedra atendeu o pasado ano 2019 a un total de 739 persoas, 95 máis que no 2018. O 82% das persoas usuarias foron mulleres, fronte ao 18% que representaron os homes. En canto a idade, a maior parte das persoas usuarias, un total de 229, atopábanse na franxa comprendida entre os 86 e os 90 anos. Por concellos, os que acumulan un maior número de usuarios e usuarias no 2019 foron os do Porriño, Sanxenxo, Tomiño e O Grove.
12.175 alarmas
Durante o 2019 o Servizo de Teleasistencia recibiu 12.175 alarmas, emitiu 56.981 chamadas, resolveu 356 avarías e realizou 435 visitas domiciliarias. A maior parte das alarmas emitidas polas persoas usuarias, un 43,7%, estaban relacionadas cunha emerxencia sanitaria mentres que o resto estábano con temas como a comprobación do funcionamento do sistema ou a comunicación de novos datos. O tempo medio de instalación do servizo foi de 4,99 días.
Ademais das actuacións relacionadas coa atención telefónica das persoas usuarias, o Servizo de Teleasistencia comprende outras actividades que completan e complementan a citada atención. Trátase de visitas domiciliarias de seguimento, campaña de prevención de timos e estafas e actividades socioculturais dirixidas a facilitar e potenciar o avellentamento dinámico e participativo das persoas usuarias así como a detectar posibles situacións de risco. En total, 309 persoas participaron neste tipo de actividades durante o ano pasado.
Hai que lembrar que o Servizo de Teleasistencia permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida. Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, dáselle resposta inmediata ás persoas usuarias, as 24 horas ao día e os 365 días do ano, mobilizando os recursos necesarios para solucionar a incidencia.