A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vai implantar o Bacharelato no IES Valadares o próximo curso 2020/2021, tal e como anunciou este mércores a conselleira Carmen Pomar.
Nunha visita ao centro, Pomar indicou que, deste xeito, “dáselle resposta a unha demanda histórica” deste instituto vigués e da súa comunidade educativa, co fin de que o alumnado poida rematar o estudos non universitarios no mesmo centro no que cursan toda a ESO, “evitando desprazamentos e favorecendo á poboación das parroquias dos arredores”.
En concreto, engadiu a conselleira, implantaranse as modalidades de Bacharelato Científico-Tecnolóxico e de Artes, xa que un número significativo do alumnado que cursa alí a ESO opta posteriormente por estas modalidades. Ademais, deste xeito incrementarase o número de prazas en Artes, modalidade que en Vigo só se imparte no IES Politécnico e que conta con lista de agarda.