O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, mantivo unha xuntanza con representantes do colectivo ‘Vigo Histórico’ para falar do túnel que pasara baixo á Porta do Sol, Elduayen e pode que, de aprobarse a rectificación do proxecto inicial, tamén do Paseo de Alfonso.
Logo de reiterar que o Bloque está dacordo en “converter a Porta do Sol nun grande espazo peonil” apostando, como sempre fixo o BNG por darlle más espazo ás persoas sobre os coches- como proban a peonalización do Calvario, Praza da Constitución ou da Praza da Independencia cando o Bloque estivo na Alcaldía de Vigo- Xabier.P Igrexas deu o seu apoio aos veciños e colectivos socias que están en contra da construción deste túnel.
Para o concelleiro o inicio das obras é “apresurado e sen as mínimas garantías”, e a intención de prolongar o túnel agora até o Paseo do Afonso, impediría a peonalización do paseo.
A xuízo do BNG “non hai xustificación para o túnel. É unha actuación irracional en termos de deseño urbano, insustentábel a nivel ambiental porque soterra o tráfico pero non o reduce”, resumiu.
Patrimonio
Despois de asegurar que “inda estamos a tempo de parar esta tolemia”, demandando a paralización das obras, o Bloque anunciou que con carácter inmediato se dirixirán á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e anticipan que promoverán as iniciativas que foren necesarias no Parlamento galego, para reclamar a efectiva protección sobre os restos arqueolóxicos e os bens protexidos que poidan ser afectados polas obras.