O Bloque sinala en relación coa sentenza da Pass Vigo que a decisión de restrinxir a tarxeta a persoas empadroadas fora desde un inicio “un absoluto disparate” e na opición do seu concelleiro en Vigo, a resolución xudicial clarifica que esa discriminación “ademais de irracional e inxustificada é ilegal”.
Xabier P.Igrexas mentén que “nunha situación na que a cidade recibe 90 mil vehículos diarios doutros concellos a aposta debera ser potenciar o uso do transporte colectivo en lugar de restrinxilo”. “Temos que reducir o uso do coche privado en Vigo, para gañar espazo para as persoas”.
Transporte metropolitano
Diante da “encrucillada” creada após ese fallo xudicial, o portavoz municipal nacionalista instou o Goberno municipal a non recorrelo e a dedicar “todos os esforzos políticos a desbloquear a integración de Vigo no transporte metropolitano”.
Nese sentido, demandou que o executivo de Abel Caballero se dirixa “mañá mesmo” á Xunta de Galicia cunha proposta concreta que permita chegar a un acordo. “Sabemos que o principal atranco é precisamente o cofinanciamento do transporte urbano, pero o Bloque sempre defendemos que a solución esixe acordo e consenso”, engadiu.
Para o BNG é un “sen sentido” que a cidade e capital da área fique fóra do transporte metropolitano. O Bloque fai un chamamento a “abandonar os discursos hiperlocalistas e rancios” e a poñer “luces longas”.
“Fronte a quen quere empequenecer Vigo, amurallándoa como unha cidade-Estado medieval, enfrontada con todos por todo, o BNG apostamos por facer de Vigo o motor de toda Galiza, liderando desde a cooperación a área metropolitana”, remachou Igrexas.