A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade anunciou este luns en Vigo a licitación das obras de mellora dos accesos aos hospitais Meixoeiro e Nicolás Peña, que comezarán no vindeiro mes de xuño, cun investimento de 700.000€.
Ethel Vázquez explicou que as empresas interesadas teñen de prazo ata o 9 de marzo para presentar as súas ofertas. Precisou que a continuación se avanzará nos trámites para comezar as actuacións no verán e poder telas rematadas a finais deste ano.
O “obxectivo fundamental é reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade” nos contornos destes hospitais, “favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario”.
Para iso, adiantou a conselleira, se actuará nos viarios interiores coa renovación do firme, a mellora das beirarrúas, a reordenación de espazos nas entradas a estes dous centros hospitalarios, e habilitaranse 23 pasos de peóns.
Vázquez precisou que no Meixoeiro se habilitará un novo viario para facilitar as comunicacións dentro do propio recinto. “Será un treito que facilitará a subministración ao propio hospital, evitando que os vehículos que traen o material necesario teñan que saír marcha atrás ou por dirección prohibida”.
Concretou que tamén se mellorará o aparcadoiro do Nicolás Peña e se actuará nos itinerarios peonís para incidir sobre a accesibilidade e facilitar os desprazamentos a pé dos usuarios. Ademais, mellorarase a sinalización para reordenar a circulación e regular o estacionamento, e se acometerá a reposición de diversos elementos como vallados peonís ou bolardos.
Do mesmo xeito, na primavera tamén se levarán a cabo obras complementarias de acondicionamento dos accesos e da optimización da sinalización do antigo hospital do Rebullón, cun orzamento de 50.000€.